Galego Castellano

Voto por correo das persoas residentes en España

Electores

A lexislación electoral prevé o voto por correo para aqueles/as electores/as que na data da votación (neste caso o 18 de febreiro de 2024) teñan prevista a súa ausencia da localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto. Á súa vez tamén poden votar por correo quen por enfermidade ou incapacidade física non puidesen presentarse no lugar da votación. Para isto só é necesario que o solicite no momento oportuno e despois envíe o seu voto dentro do prazo, nas condicións e coa documentación que se lle facilita.

Unha vez feita a solicitude do voto por correo non se poderá votar persoalmente.

Procedemento

  • Cubrir a solicitude do voto por correo:


A solicitude do voto por correo pode facerse por calquera das canles seguintes:

- Presencialmente


Esta petición debe ser realizada persoalmente polos electoras ou electores interesados, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade que lle impida realizar persoalmente dita petición a cal terá que ser acreditada mediante certificación médica oficial. Neste último caso pode ser presentada por outra persoa autorizada notarial ou consularmente.

Os impresos poderá atopalos:

    • En todas as Oficinas de Correos de España
    • Ou pode descargar o formulario aquí
      • Lugar de presentación:

A solicitude cuberta deberá ser presentada persoalmente en calquera Oficina de Correos. O persoal funcionario de Correos encargado de recibila esixirá á persoa interesada a exhibición do seu documento acreditativo da identidade (DNI, pasaporte ou permiso de conducir) e comprobará a coincidencia da firma. En ningún caso admitirase fotocopia do mesmo.


- De maneira telemática

Se dispón de DNI electrónico ou certificado dixital, poderá facer a súa solicitude premendo aquí

  • Prazo para solicitar o voto por correo:


Pódese solicitar o voto por correo desde o 26 de decembro de 2023 ata o 8 de febreiro de 2024, ambos inclusive

Con todo, se Vd. pensa exercer o dereito ao voto por correo non espere a última hora. Formule a solicitude canto antes.

  • Recepción da documentación para o voto por correo:


A Delegación da Oficina do Censo Electoral correspondente, enviará por correo certificado, entre os días 29 de xaneiro do 2024 e 11 de febreiro do 2024, ao domicilio indicado por Vd. na solicitude do voto por correo, a documentación necesaria para exercer o voto:

    • Papeletas e sobres de votación.
    • O certificado de inscrición no censo.
    • Un sobre no que figurará a dirección da Mesa onde lle correspondería votar.
    • Unha folla explicativa.


Esta documentación debe ser recibida persoalmente polo elector ou electora previa acreditación da súa identidade. De non atoparse no seu domicilio, terá que acudir persoalmente a recollida á oficina de Correos correspondente.

  • Envío do voto por correo:


Recollida persoalmente esta documentación, o elector/a deberá escoller a papeleta de voto, introducila no sobre de votación e pechalo. Dito sobre de votación introducirase no sobre dirixido á Mesa xunto co certificado do Censo e remitirao por correo certificado en todo caso ata o 15 de febreiro de 2024 (prazo ampliado segundo o acordo 1/2024 da Xunta Electoral Central). Este sobre non necesita franqueo.

As persoas que solicitaron o voto por correo pero que non poidan acudir persoalmente á oficina de Correos para presentar a documentación electoral, deberán outorgar unha autorización para que a entrega sexa realizada por outra persoa no seu nome. A autorización deberá ser asinada polo/a elector/a e acompañarse de fotocopia do seu documento nacional de identidade, pasaporte ou outro documento oficial identificativo.Pode descargar o modelo de representación aquí.

O persoal de Correos non aceptará a entrega de documentación electoral pertencente a outro/a elector/a se non se acompaña da correspondente autorización asinada polo/a elector/a, que deberá ser conservada, xunto á fotocopia do documento oficial acreditativo do/a elector/a e de quen entrega no seu nome a documentación electoral, para a súa remisión á Xunta Electoral de Zona correspondente.

O Servizo de Correos conservará ata o día da votación toda a correspondencia dirixida ás Mesas Electorais e trasladaraa ás devanditas Mesas ás nove da mañá. Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse no devandito día, ata as vinte horas do mesmo. O Servizo de Correos levará un rexistro de toda a documentación recibida, que estará ao dispoñer das Xuntas Electorais. Os sobres recibidos despois das vinte horas do día fixado para a votación remitiranse á Xunta Electoral de Zona e destruiranse.

Lectura Facil TAMÉN PODE ACCEDER A ESTA INFORMACIÓN A TRAVÉS DA SEGUINTE GUÍA DE FÁCIL LECTURA (ELABORADA SEGUINDO AS PAUTAS DE LECTURA FÁCIL DE INCLUSIVE EUROPE E A NORMA UNE 153101 EX): Descargar aquí