Galego Castellano

Obrigacións dos electores e electoras

  1. As persoas electoras só poderán votar unha vez. A votación realizarase na mesa electoral que corresponda.
  2. Os/as electores/as, para votar persoalmente nunha mesa, deberán identificarse ante a Presidencia da mesa, achegando o orixinal do documento nacional de identidade, pasaporte ou permiso de conducir, con fotografía, sendo tamén válida a súa presentación a través da aplicación “miDGT”, da Dirección Xeral de Tráfico, segundo o Acordo do 16 de febreiro de 2023 da Xunta Electoral Central, no que se declara que resulta un medio válido de acreditación da identidade, por tratarse dun documento oficial que inclúe a fotografía do/a votante (artigo 85 da LOREX). Estes documentos teñen validez para este efecto, mesmo se estivesen caducados, sempre que permitan identificar ao/á votante sen dúbidas. En caso de xurdir algunha dúbida sobre a identidade do/a elector/a, a mesa decidirá se a acepta ou non por maioría dos seus membros.

    A continuación, os/as vogais e interventores/as comprobarán que o/a elector/a figura inscrito/a na lista do Censo electoral.

    Se o/a elector/a non figura na lista do censo, só poderá votar na mesa se presenta algún destes documentos:

    SENTENZA XUDICIAL que recoñeza o dereito do/a votante a estar inscrito/a no censo da mesa.

    - CERTIFICACIÓN CENSAL ESPECÍFICA DE ALTA, expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral que o habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto. Unha certificación censal é un medio polo que un/unha cidadán/á pode acreditar a súa inscrición no Censo electoral vixente, nos exemplares certificados das listas do censo postos a disposición das mesas electorais. As certificacións censais poden ser de dous tipos:

    • De alta no censo: refírese á cidadanía inscrita no Censo electoral pero que non figura na lista certificada enviada á mesa.
    • De corrección de erros materiais: ten por finalidade corrixir algún dos datos (nome, enderezo, etc.) dos/as votantes que estean incluídos/as na lista certificada do censo enviada á mesa.

    As certificacións censais específicas poderán ser solicitadas persoalmente polo/a elector/a na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, até o mesmo día da votación e antes da hora de peche dos colexios electorais. Poden ser solicitadas por fax, a través do concello, e remitidas aos/as interesados/as por este mesmo medio. Será válido para a votación tanto o orixinal da certificación censal específica como a recibida por fax a través do concello respectivo.

    Os/as electores/as coñecerán o colexio electoral e a mesa na que lles corresponde votar, a través de dous medios: 

    • Mediante a páxina web da Oficina do Censo Electoral.
    • Mediante os cartóns censais que esta remite aos/ás electores/as.
  3. As persoas electoras que solicitasen votar por correo, non poderán en ningún caso votar persoalmente na súa mesa electoral.
  4. Ningún elector/a poderá entrar no local da mesa con armas ou instrumentos susceptibles de ser usados como tales.
  5. Durante o día da votación, nos locais ou colexios electorais non poderán formarse grupos susceptibles de entorpecer o acceso aos locais das mesas electorais ou de dificultar o exercicio do voto.
  6. Durante o día da votación, nin nos locais ou colexios electorais, nin nos locais das mesas electorais, nin nas inmediacións destas poderá realizarse propaganda de ningún xénero a favor das candidaturas.