Galego Castellano

Voto presencial

As eleccións ao Parlamento Galego 2024 celebraranse o día 18 de febreiro de 2024 entre as nove horas e as vinte horas sen interrupción. A votación pode ser interrompida por causas de forza maior ou por irregularidades no material electoral. A dita interrupción non poderá durar máis de unha hora e deberase prolongar tanto tempo como fose interrompida.

Unha vez terminada a votación pecharanse as portas dos colexios electorais. No entanto, as persoas que queden dentro do colexio poderán votar (ademais dos membros das mesas, os/as interventores/as, que votan a continuación).

Para votar en persoa, o elector/a poderá levar se o desexa a papeleta co seu sobre xa preparado, ou ben seleccionar a papeleta de voto no propio colexio electoral e introducila no sobre. Necesariamente o colexio electoral ha de dispor de suficientes papeletas de todas as candidaturas nas cabinas ou ben nas súas proximidades. Para preservar o segredo do seu voto o electorado pode seleccionar a súa papeleta na cabina se así o desexa.

Os/as electores/as achegaranse á mesa un a un, persoalmente e co seu voto xa preparado. Só en caso de incapacidade física poden ser acompañados por outra persoa da súa confianza para que os/as asista.

Unha vez que chegue á mesa, o/a elector/a manifestará o seu nome e apelidos ao/á presidente/a e acreditará a súa identidade, exhibindo o orixinal do documento nacional de identidade, pasaporte ou permiso de conducir, con fotografía, sendo tamén válida a súa presentación a través da aplicación “miDGT”, da Dirección Xeral de Tráfico, segundo o Acordo do 16 de febreiro de 2023 da Xunta Electoral Central, no que se declara que resulta un medio válido de acreditación da identidade, por tratarse dun documento oficial que inclúe a fotografía do/a votante (artigo 85 da LOREX). Estes documentos teñen validez para este efecto, mesmo se estivesen caducados, sempre que permitan identificar ao/á votante sen dúbidas. En caso de xurdir algunha dúbida sobre a identidade do/a elector/a, a mesa decidirá se a acepta ou non por maioría dos seus membros.

Identificado o/a elector/a, os membros da mesa comprobarán a súa inscrición no censo (en caso de non aparecer inscrito, soamente poderá votar en caso de presentar sentenza xudicial ou unha certificación censal específica de alta), e comprobarán que non votou xa, nin solicitou o voto por correo. Unha vez feitas estas comprobacións, o/a elector/a entregaralle da súa propia man ao/á presidente/a o sobre de votación pechado. O/a presidente/a, sen ocultar o sobre á vista do público, dirá en voz alta o nome do/a elector/a e, engadindo "Vota", entregará o sobre ao/á elector/a quen o depositará na urna.

Os/as vogais e, se é o caso, os/as interventores/as que o desexen, anotarán, cada un nunha lista numerada, o nome e os apelidos dos votantes na orde en que emitan os seus votos, e expresarán o número co que figuran na lista do Censo electoral ou, se é o caso, a entrega de certificación censal específica. Doutra banda, o/a elector/a poderá examinar se foron ben anotados o seu nome e apelidos na lista de votantes que forme a mesa.

Lectura Facil TAMÉN PODE ACCEDER A ESTA INFORMACIÓN A TRAVÉS DA SEGUINTE GUÍA DE FÁCIL LECTURA (ELABORADA SEGUINDO AS PAUTAS DE LECTURA FÁCIL DE INCLUSIVE EUROPE E A NORMA UNE 153101 EX): Descargar aquí