Galego Castellano

Desenvolvemento da xornada electoral

O/A presidente/a, os/as dous/dúas vogais de cada mesa electoral e os/as respectivos suplentes, se os/as houbese, reúnense ás 08:00 horas do día fixado para a votación no local correspondente.

Se o/a presidente/a non acudiu, substitúeo o/a seu/súa primeiro/a suplente. En caso de faltar tamén este/a, substitúeo un/unha segundo/a suplente, e se este/a tampouco acudiu, toma posesión como presidente/a o/a primeiro/a vogal, ou o/a segundo/a vogal, por esta orde. Os/as vogais que non acudiron ou que toman posesión como presidente/a son substituídos/as polos/as seus/súas suplentes.

Non pode constituírse a mesa sen a presenza dun/dunha presidente e dous/dúas vogais.

Cada mesa debe contar cunha urna e cunha cabina de votación. Así mesmo, debe dispor dun número suficiente de sobres e de papeletas de cada candidatura, que estarán situados na cabina ou preto dela.

Ás 8:30 horas, o/a presidente/a estende a acta de constitución da mesa, asinada por el/ela mesmo/a, os/as vogais e os/as interventores/as e entrega unha copia da devandita acta ao/á representante da candidatura, apoderado/a ou interventor/a que o reclame.

Ás 9:00 horas ábrese o colexio electoral e o/a presidente/a da mesa anuncia o comezo da votación coas seguintes palabras: "empeza a votación".

Durante a xornada electoral a mesa debe contar coa presenza de, polo menos, dous/dúas das personas integrantes da mesma.

Durante a xornada electoral o/a presidente/a debe facer gardar a orde no local electoral.

A votación pode suspenderse ou interromperse nos seguintes casos:

  •   Interrupción

Cando o/a presidente/a advirta a ausencia de papeletas dalgunha candidatura e non poida suplila mediante papeletas subministradas polos apoderados/as ou interventores/as da correspondente candidatura.

A interrupción non pode durar máis de unha hora e a votación prorrogarase tanto tempo como estivese interrompida.

  •    Suspensión

A suspensión da votación prodúcese ben por interrupción superior a unha hora, ou ben por causa de forza maior que faga imposible o acto da votación.

A suspensión da votación será responsabilidade do/a presidente/a da mesa. É conveniente que antes de adoptar esta decisión, o/a presidente/a recolla o parecer de todos os membros da mesa e, se as circunstancias o permiten, consulte por teléfono á xunta electoral de zona.

No caso de suspensión da votación, non se teñen en conta os votos emitidos na mesa, nin se realiza o seu escrutinio. O/a presidente/a ordena inmediatamente a destrución das papeletas depositadas na urna e fai constar este aspecto no escrito antes mencionado.

Suspendida a votación nunha mesa electoral, a xunta electoral de zona convocará novas eleccións na mesa dentro dos dous días seguintes

 

EMISIÓN DO VOTO

1) OS/AS ELECTORES/AS ACHÉGANSE Á MESA DUN/UNHA NUN/UNHA, despois de pasar, se así o desexan, pola cabina de votación.

 2) O/A ELECTOR/A MANIFESTARÁ O SEU NOME E OS SEUS APELIDOS ao/á presidente/a.

 3) COMPROBAR A IDENTIDADE DO/A ELECTOR/A: Os/as vogais e os/as interventores/as se o desexan, comprobarán a identidade do/a elector/a. Para iso, o/a elector/a deberá presentar algún dos seguintes documentos:

  • Documento nacional de identidade (DNI). Non serve o xustificante do DNI en trámite, posto que nel non aparece a fotografía do/a elector/a.
  • Pasaporte (con fotografía).
  • Permiso (carné) de conducir (con fotografía), sendo tamén válida a súa presentación a través da aplicación “miDGT”, da Dirección Xeral de Tráfico, segundo o Acordo do 16 de febreiro de 2023 da Xunta Electoral Central, no que se declara que resulta un medio válido de acreditación da identidade, por tratarse dun documento oficial que inclúe a fotografía do/a votante (artigo 85 da LOREX).

ACEPTARASE A PRESENTACIÓN DESTES DOCUMENTOS AÍNDA QUE ESTEAN CADUCADOS, PERO HAN DE SER OS ORIXINAIS, NON SE ACEPTARÁN FOTOCOPIAS.

Se, a pesar de mostrar estes documentos, aparecen dúbidas sobre a identidade do /a elector/a, a mesa, tendo en conta os documentos adxuntos e o testemuño que poidan presentar os/as electores/as presentes, decidirá por maioría. Estas circunstancias deben anotarse na acta de sesión

4) COMPROBAR QUE O/A ELECTOR/A ESTÁ INSCRITO/A NA LISTA DO CENSO ELECTORAL.Os/as vogais e interventores/as comprobarán que o/a elector/a figura inscrito/a na lista do Censo electoral

Na lista do Censo electoral figuran inscritos/as os/as electores/as que poidan votar na mesa. Esta lista debe estar entre a documentación facilitada á mesa.

SE O/A ELECTOR/A NON FIGURA NA LISTA DO CENSO, só poderá votar na mesa se presenta algún destes documentos:

A. SENTENZA XUDICIAL que recoñeza o dereito do/a votante a estar inscrito no censo da mesa.

B. CERTIFICACIÓN CENSAL, expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral que habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto. As certificacións censais poden ser de dous tipos:

1. De alta no censo: refírese a cidadáns/ás que están inscritos no Censo electoral pero que non figuran na lista certificada enviada á mesa.

2. De corrección de erros materiais: teñen por finalidade corrixir algún dos datos (nome, enderezo, etc.) dos/as votantes que están incluídos/as na lista certificada do censo enviado á mesa.

ADEMAIS, DEBE TERSE EN CONTA:

NON PODEN VOTAR PERSOALMENTE NA MESA, aínda que estean incluídos/as no seu censo:

  • As persoas que solicitasen emitir o voto por correo, ben sexa desde España ou ben se trate dos/as españois/as que se atopen temporalmente no estranxeiro e solicitasen votar de acordo co procedemento previsto no Real decreto que regula un procedemento de votación para os/as cidadáns/ás españois/as que se atopen temporalmente no estranxeiro. (Unha letra "C" aparecerá á beira do seu nome na lista do censo, ou o/a elector/a estará incluído nunha "relación de electores/as de mesa que solicitaron o voto por correo", que figura como apéndice á lista do censo).
  • Os/as interventores/as acreditados/as ante unha mesa correspondente a outra circunscrición (entre a documentación electoral figurará unha copia da súa acreditación ante a outra mesa). Neste suposto deberán ter exercitado o seu dereito de voto por correo, destinado á mesa na que se atopen inscritos no censo.

NON PODEN VOTAR PERSOALMENTE NA MESA, ao non estar incluídos/as no seu censo:

  • Os/as interventores/as acreditados/as ante a mesa pero inscritos no censo doutra circunscrición (entre a documentación electoral figurará unha copia da súa acreditación ante a outra mesa). Neste suposto deberán ter exercitado o seu dereito ao voto por correo destinado á mesa en cuxo censo se atopen inscritos.

PODEN VOTAR NA MESA, aínda que non estean incluídos/as no seu censo:

  • Os/as interventores/as acreditados/as ante a mesa, sempre que estean inscritos na circunscrición correspondente a esa mesa e non exercitasen o voto por correo na mesa en cuxo censo estivesen inscritos.

5) RECIBIR O SOBRE DE VOTACIÓN. O voto é secreto. O/a elector/a entregará pola súa propia man ao/á presidente/a o sobre pechado.

Os/as electores/as que non saiban ler, ou que por discapacidade, non poidan elixir a papeleta, colocala dentro do sobre, ou entregala ao/á presidente/a da mesa, poden pedir axuda dunha persoa da súa confianza.

 6) INTRODUCIR O SOBRE NA URNA.A continuación, o/a presidente/a fará o seguinte

a) Non debe ocultar en ningún momento o sobre á vista do público.

b) ) Dirá en voz alta o nome do/a elector/a, e engadirá "Vota".

c) Entregará o sobre ao/á elector/a quen o depositará na urna.

LEMBRE QUE ANTES DE INTRODUCIR O SOBRE na urna débese comprobar a identidade do/a elector/a e a súa inscrición no censo.

O sobre de votación debe ser introducido na urna polo/a elector/a.


7) ANOTAR O/A ELECTOR/A NA LISTA NUMERADA DE VOTANTES.

Os/as vogais e, no seu caso, os/as interventores/as que o desexen, anotarán na lista numerada de votantes o nome e apelidos dos/as electores/as pola orde en que emitisen o seu voto.

Ademais, indicarán o número co que figuran na lista do censo electoral ou, no seu caso, que achegaran unha certificación censal específica.

O/a elector/a ten dereito a examinar se foron ben anotados o seu nome e apelidos na lista numerada de votantes.

VOTACIÓN DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE VISUAL COÑECEDORAS DO SISTEMA BRAILLE, que utilicen o procedemento de voto accesible regulado regulamentariamente.

O/a presidente/a da mesa electoral, ou, se é o caso, algún dos/as vogais, entregará ao/á elector/a con discapacidade visual, que comunicase a súa intención de utilizar o procedemento de votación previsto no real decreto que regula un procedemento de voto accesible, a documentación que integra este procedemento de votación, logo de comprobar, mediante a exhibición do DNI, da súa inclusión na listaxe das persoas que comunicaron a intención de utilizar ese procedemento, lista que consta en poder da mesa electoral.

Na documentación entregada, o/a elector/a encontrará unhas instrucións explicativas sobre a súa utilización, impresas en sistema braille.

Así mesmo, o/a presidente/a da mesa electoral ou, se é o caso, algún dos/as vogais, indicaralle e facilitaralle o acceso ao espazo do colexo electoral habilitado para o manexo da documentación entregada. Porén, estas persoas poden,se o desexan, levar o maletín fóra do local electoral e regresar máis tarde á mesa para emitir o seu voto.

Unha vez seleccionada a súa opción de voto, seguirase o mesmo procedemento de votación descrito para a totalidade dos/das electores/as.

Ademais do procedemento de voto accesible que lles facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio, estas poden seguir acudindo á posibilidade da asistencia dunha persoa da súa confianza para poder exercer o seu dereito de voto.

 

FINALIZACIÓN DA VOTACIÓN

Ás 20:00 horas o/a presidente/a anunciará en voz alta que vai concluír a votación.

Se a votación se tivese que interromper nalgún momento por falta de papeletas dalgunha candidatura, o horario debe prorrogarse durante tanto tempo como durase a interrupción.

Se, despois de anunciarse o final da votación, quedasen no local electoral ou no seu acceso electores/as que aínda non votasen, o/a presidente/a deixaraos votar e non permitirá que vote ninguén máis.

Logo de que votase o/a último/a elector/a presente no local, o/a presidente/a debe introducir na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto remitidas por correo.

Para iso han de seguirse os seguintes pasos:

1) Abrir dun nun os sobres remitidos ao/á presidente/a da mesa que conteñen o sobre do voto por correo e comprobar que contén o certificado de inscrición no censo do/a elector/a.

Se falta o certificado de inscrición no censo debe destruírse o sobre e toda a documentación que contén, xa que non poden considerarse como voto válido, nulo ou en branco ao non poder contabilizarse o/a votante. O sobre que contén a papeleta non debe abrirse.

2) Comprobar que o/a elector/a está inscrito/a no censo da mesa.

3) Introducir na urna o sobre da votación.

4) Anotar o/a elector/a na lista numerada de votantes. Os/as vogais anotarán o nome do/a elector/a na lista numerada de votantes.

A continuación, poderán votar os membros de mesa e os/as interventores/as que estean inscritos no censo da circunscrición correspondente á mesa, e especificarase na lista numerada de votantes a sección e mesa electoral daqueles/as interventores/as que non figuren no censo da mesa.

LEMBRE QUE esta anotación resulta necesaria para poder cubrir debidamente a acta de sesión.

Tanto os/as electores/as que votasen por correo como os membros da mesa e os/as interventores/as que voten, deberán ser incluídos na lista numerada de votantes.

Logo de acabar estas operacións, os/as vogais e interventores/as asinarán a lista numerada de votantes.

A firma debe pórse nos seguintes lugares da lista:

  • Na marxe de cada unha das follas e tamén,
  • inmediatamente debaixo do último nome.